martes, 26 de enero de 2010

Comunicado de la ASOCIACION GALEGA DE AMIZADE CON ISRAEL con motivo del Día Internacional en memoria de las víctimas de la Shoá


Desde a Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) queremos sumar a nosa voz e a nosa razón neste día de lembranza, de dor e de condena. Porque un 27 de xaneiro de 1945, hai agora 65 anos, era liberado Auschwitz-Birkenau. Demasiado tarde para millón e medio de seres humanos transformados en cinza. Auschwitz-Birkeanu, a fábrica do horror sen nome máis perversa e brutal que teña coñecido a Humanidade.

Un primeiro de novembro de 2005, Nacións Unidas tomou a decisión de designar a data do 27 de xaneiro como recordatorio anual das atrocidades dunha traxedia que nunca máis debera suceder no mundo.O lema aprobado daquela por Nacións Unidas no ano 2005 “Lembremos por hoxe e por sempre” manifesta con nidia claridade o obxectivo que desde todo tipo de institucións e organismos internacionais se deben marcar na xornada.Parlamento Europeo, Goberno de España, Parlamentos autonómicos… seguiron a senda marcada por NNUU e fixeron oficial cadanseu no seu espazo e competencia territorial esta mesma data como xornada de conmemoraxción oficial.A condena e repulsión mundial ao xenocidio sistemático e industrializado que acabou coa vida de millóns de seres humanos, xitanos, disidentes politicos, homosexuais, deficientes físicos e a seis millós de xudeus debemos lembrar que foi con certeza no seu momento, unha das razóns principais que motivaron o nacemento da propia Declaración Universal dos Dereitos do Home.

Desde a Asociación Galega de Amizade con Israel, queremos e debemos, neste 27 de xaneiro de 2010, lembrar o Holocausto, a Shoáh na milenaria lingua Hebrea, e lembralo con vergonza e con horror desde Galicia e como galegos e europeos que defendemos e militamos con paixón na nosa condición humana, porque só así, non esquecendo o que hai agora 65 anos sucedeu nos campos de Europa, da nosa civilizada Europa, podemos honrar ás vítimas como estas merecen e estar así en condicións de evitar por sempre que as ideoloxías criminais que levaron a un pobo europeo e culto a desatar a barbarie absoluta na procura de aniquilar a outro pobo polo simple feito de seren xudeus, volvan a rexurdir.E hoxe, 65 anos despois, non esquecer debe ser tamén, unha vacina para o noso futuro, para que nunca máis os nosos campos de Europa e do Mundo vexan agromar a perversión inhumana e asasina que significaron as fábricas de morte e de exterminio de Treblinka, Sobibor, Mauthausen, Majdanec, Dachau, Auschwitz…E desde a Asociación Galega de Amizade con Israel queremos ter hoxe un recordatorio especial polo seu profundo simbolismo, do falecemento o pasaso 19 de Maio de Marcelino Pardal Pouso. O derradeiro sobrevivinte galego do campo de concentración de Mauthausen.
"Sei que a miña voz se perde no devastador ruído do tempo, agardo que as xeneracións vindeiras non nos esquezan" Violeta Friedman, sobrevivinte do Holocausto.
Vigo, 26 de Xaneiro de 2010
Publicado por AGAI

No hay comentarios:

Publicar un comentario